Así chegou Malibú a Xanceda

A historia de Malibú

Levaba polo menos 3 días no mesmo punto dunha estrada que leva a granxa… estaba desorientada, non sabía a onde ir! E con cada coche que pasaba Malibú albergaba a esperanza de que a viñesen recoller.

Aquela situación era moi rara, e despois de preguntar ós veciños da zona, unha compañeira do noso equipo, parou onda Malibú e troixoa para a granxa. Púxemos carteis, avisamos á garda Civil… ninguén reclamaba a Malibú, o mesmo que pasa con centos e centos de cans abandonados todos os anos.

Non somos unha protectora e non podemos acoller máis animais na nosa granxa… Malibú foi un caso único, e moi especial. Decidimos adoptala e agora xa é parte da familia de Casa Grande de Xanceda.

E agora? Agora Malibú fíxosenos profe!! Xunto cunha persoa do noso equipo recorre os colexios da provincia da Coruña educando ao máis pequenos en tenencia responsable de animais. Malibú está segura de que a educación en valores é moi importante para que os futuros donos de animais sexan responsables e polo tanto conseguir erradicar o abandono.

Malibú convertiuse para nós, no símbolo da loita contra o abandono, fomentando a adopción de animais abandonados, e educando na solidariedade e no respeto ós animais. Por iso a fixemos protagonista de todos os proxectos relacionados con esta causa, e por esta razón lle puxemos este nome a estas iniciativas: “eduCANdo con Malibú”

Autora: Malibú

Ola! Son Malibú e este é o meu blog onde escribo a última pegada de todas as actividades que realizo para loitar contra o abandono de animais, para fomentar a adopción e para concienciar no respeto ós animais. Lede con atención e espero que vos guste!! Recibide un saúdo moi peludo!