Malibú participa no Correcán un ano máis

O pasado 19 de maio Malibú estivo participando na cuarta edición do CORRECÁN, a carreira solidaria pola adopción e a tenencia responsable organizada pola Asociación Cancoruña e da que Casa Grande de Xanceda é patrocinadora por segundo ano. Ademais este ano a nosa pequena Malibú foi a protagonista peluda do cartel, e puido entregar o premio a un dos gañadores da carreira. Menudo orgullo para ela!

Malibú e Adriana, o equipo de Educando con Malibú, participaron nesta andaina de 3 km na que máis de 800 persoas e os seus peludos encheron o fermoso paseo marítimo de Riazor e Orzán. Ademais ao finalizar a carreira os corredores podían renovar enerxías con un rico Iogur Junior para levar de Casa Grande de Xanceda.

O recaudado, 4070 euros, será doado a diferentes protectoras e asociacións de animais: Apadan, Asociación amigos de los perros de Carballo, Asociación Cometa, Somos Galgos, Perrunas, Galgos112, entre outras. Con esta donación a organización quere axudar á labor que fan estas asociacións loitando contra o abandono e axudándolle a buscar aos peludos a súa segunda oportunidade.

Ao final da carreira Malibú e Adriana aproveitaron para dar información a familias e profesores sobre as clases de Educando con Malibú. Nestas charlas Malibú, que foi rescatada do abandono, visita as escolas de Galicia para fomentar os valores de respecto aos animais e promover a adopción dos peludos sen fogar. O seu obxectivo: que ningún outro peludo pase polo mesmo que ela sufriu.

Unha xornada moi divertida donde os peludos foron os protagonistas. Malibú xa está desexando que chegue a seguinte edición do Correcán 😉

Autora: Malibú

Ola! Son Malibú e este é o meu blog onde escribo a última pegada de todas as actividades que realizo para loitar contra o abandono de animais, para fomentar a adopción e para concienciar no respeto ós animais. Lede con atención e espero que vos guste!! Recibide un saúdo moi peludo!