Iogures que fomentan a adopción

Esta é Lissy, unha das protagonistas desta campaña solidaria, xunto coa súa propia imaxe plasmada no «packaging» do delicioso iogur ecolóxico de Casa Grande de Xanceda. A través dos iogures, a súa foto chegou durante 3 meses a milleiros de fogares españois coa esperanza de que algunha desas familias se fixase nela e a adoptase. Lissy, ao igual que os outros sete protagonistas desta campaña, non tiña fogar e vivía na canceira municipal do Concello de Ordes, situada moi preto da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda.
Este innovador «packaging» deulle voz aos cans abandonados, que habitualmente son invisibles para a maior parte da sociedade, e ofrecía tamén a información necesaria para adoptalos a través da ligazón indicada no produto.

Como imaxe desta campaña seleccionamos oito cans da canceira de Ordes, simpáticos e dóciles, pero que, porén, sufriran o abandono na súa propia pel.
Grazas a esta campaña e ao traballo de persoas voluntarias, os oito cans protagonistas desta iniciativa foron adoptados con felicidade e, durante uns meses, deixaron de ser invisibles, representando por extensión os máis de 150.000 cans que se abandonan todos os anos no noso país e que precisan con urxencia unha segunda oportunidade.
Estes son os oito cans protagonistas da campaña:








Esta iniciativa foi impulsada por Casa Grande de Xanceda, que está empeñada en loitar contra o abandono e crear unha sociedade máis concienciada co benestar animal. Por esta razón, esta granxa ecolóxica destina para accións coma esta o 10% dos seus beneficios anuais a actividades de Responsabilidade Social Corporativa.
Non só se trata de difundir, senón tamén de educar. Por iso, tamén se puxo en marcha un proxecto educativo que se impartiu nos principais colexios da comarca de Ordes.
O alumnado aprende os conceptos básicos da tenza responsable de animais ao tempo que se lle conciencia sobre a realidade do abandono e a importancia das adopcións de animais. Este proxecto aspira a converterse nun proxecto constante no tempo que promova unha sociedade máis xusta cos animais.