Boas noites e Bo Nadal queridas familias e amigos dos animais!
Somos Malibú e Mazapán!, dous peludos que un día atopamos unha porta aberta en Casa Grande de Xanceda a un fogar cheo de amor, diversión e colegas.
Hoxe desde as nosas camas quentiñas e en compañía da nosa familia granxeira reflexionamos sobre a sorte que temos sobre todo se pensamos neses peludos que nestas datas non son tan afortunados coma nós.
Agora temos unha vida do máis GUAU, non nos falta de nada e somos profes e influencers que lle ensinamos á cativada sobre a convivencia responsable cos animais. Mais non sempre foi así.
Tempo atrás fumos cans da rúa, non tiñamos un lugar onde durmir e moitas veces pasabamos frío baixo os coches ou calquera lugar que servise para pasar a noite. Buscábamos comida onde podíamos e achegábamonos ás persoas coa esperanza de recibir aprezo, ás veces dabamos con seres humanos que nos axudaban, pero outras recibíannos con berros e pedras.
Cada día era unha loita por sobrevivir, sen nome, sen caricias, só soidade e o noso instinto de seguir adiante. Ao chegar a noite, cansados de esquivar coches preguntábamosnos se alguén nos querería dar unha oportunidade.
Un bo día, unha man amiga achegouse a nós, non lle importou o noso aspecto nin que non tiveramos raza ou pedigree, tan só comprendeu a nosa situación. En Casa Grande de Xanceda déronnos un nome, un prato cheo de comida, o mellor dos fogares e ata nos nomearon xefes da patrulla gardavacas!
Por iso hoxe queremos falarvos con todo o corazón sobre o abandono de mascotas:
En España estánse a recoller cada ano, según a Fundación Affinity, máis de 285.000 cans e gatos, non só son números, son corazóns que agardan unha segunda oportunidade. O Nadal ten un perigo oculto, os animais que se regalen nestas datas corren o risco de ser abandonados máis adiante. Polo xeral o momento no que as persoas deixan ás súas mascotas á súa sorte é 6 ou 12 meses logo do Nadal, cando a maxia destas festas se esgota e só quedan as responsabilidades. Por que si: un peludo é unha responsabilidade para toda a vida.
Ademais, o 70% dos cans abandonados ou perdidos non teñen microchip, cifra que supera o 90% en gatos. A nos por sorte puxéronnos unha identificación electrónica para que que, se nos perdemos, saiban que os nosos compis nos esperan en Xanceda.
Porque non somos xoguetes, somos parte da familia. Según as estatísticas, un 20% dos animais que se mercan como agasallo durante o Nadal, son compras impulsivas, as persoas que van ser os seus donos (moitas veces nenos) non o tiñan planificado como é debido.
Por iso, desde Casa Grande de Xanceda, pedímosvos que non compredes peludos por capricho, queremos ser os vosos compañeiros pero cremos que a mellor compañía require de compromiso e, sobretodo, dun amor que non entenda de datas no calendario.
Este a par de peludos, animámosvos a optar pola adopción. Podedes ir ás protectoras coas vosas familias, coñecer a historia dos animais que chegan alí e o traballo do voluntariado para mellorar a vida de cans e gatos que un día foron regalos bonitos. Adoptade con cabeza e corazón, dade unha segunda oportunidade como a que nos deron a nós, xuntos podemos cambiar a situación de moitas mascotas.
Esta Noiteboa, non queremos agasallos caros nin grandes sorpresas, só que antes de transformar un animal nun regalo, pensedes en nós. Pensade no que significa darlle a a alguén a vida, a segunda oportunidade, que nos deron a nós.
Bo Nadal a todos. Que ningún corazón quede só esta noite
Con todo o noso amor e gratitude:
Malibú e Mazapán